02 abril, 2007

mmmmmmúsicas

Haiche días e haiche polvos. Hainos para acariñar a túa mudez na Sesta demorada cas Missangas de Joao Afonso, para Yezhou Bihan, para Miña galera, para os nosos fetiches todos. Hainos para os ritmos, para perderse nas chairas, esquecer o tempo nos píncaros e nas grobas co Caetano Veloso ou a trompeta delongada de Miles Davis. Hai días para o rumor das ondas rompendo na area, os movementos medidos na proximidade dos xogos das crianzas. Hainos nos que non sairías indemne do coche, do ascensor, do retrete do Da Vinci, co espiñazo magoado no recuncho mais cativo, Tonino Carotone a cagarse no amor ou os Rolling a inflamarnos no degaro e a premura. Hainos para o zoar do vento e o petar da chuvia nos vidros embazados da ventá. Hai días, amor, para o silencio, días onde tan só caben os teus saloucos e os meus latexos.
Grazas a X polo seu combite e a María e Harvey pola idea.

2 comentários:

X disse...

Iso é marcar nivel, e o demais son contos.
Grazas pola beleza.

gatina disse...

Hai dias... momentos... esperas... pero (para min) a mellor música e oir o pracer do outro besbellado con ternura, ben preto, casi sin respiracion.
Noraboa por tantos dias (e polvos)nhusko. Precioso.