31 outubro, 2006

Vagas de acivro

Rematou, quizais, a xeira das muiñeiras de auga, e as vagas de acivro foron anuncio do inicio dun novo tempo.

26 outubro, 2006

Arto Paasilinna

O bosque dos raposos aforcados de Paasilinna é, seica, a primeira traducción do finés ao galego. Hilaridade sen fin a que nos proporcionan os seus protagonistas, entrañables anti heroes: ladróns, borrachos, prostitutas e asasinos en serie. Tamén Cincocentos, o raposo ártico, e Rusko, fugaz gato finlandés.

25 outubro, 2006

Agardando acontecementos

E el será o que teña que ser

Abrindo fosas

Dores Vilavedra, Xabier Alcalá, Fdez Paz e de Toro, levados pola asociación cultural Barbantia dedicáronse a debater en mesa redonda sobre literatura e guerra civil. Ocupáronse, denantes que se extingan coa memoria dos derradeiros supervivintes, de abrir fosas, algunhas das moitas, dos milleiros que quedan espalladas polo país.

19 outubro, 2006

Vermello

Morreron os xéneros, os símbolos caeron. Ficamos sos, alcanzados pola postmodernidade, sumidos no baleiro. Ou o que é, case, o mesmo, libres, ao fin, para os erguer de novo.

17 outubro, 2006

Kjell Askildsen

Apréndese mentres se vive, mais non sei de que serve xusto antes de morrer.
Recordo nidiamente a impresión que me causou o ler esta frase do noruegués Kjell Askildsen nunha reseña sobre a súa obra "Últimas notas de Thomas F. para a humanidade". Non me decepcionaron en absoluto os relatos que o libro contiña. Gardo, polo contrario, na miña memoria a sensación da intensidade daquelas frases cortantes, escritas a navalla, con precisión de cirurxián.
Veño de Rematar "Os cans de Tesalónica", sete relatos do mesmo autor publicados asemade por Lengua de trapo nos que a soidade se enseñorea como protagonista dunhas historias nas que en apariencia nada acontece mais que desacougan dun xeito irrefreable ao acreditar que narran, cunha concisión de diálogos moi carácterística no nórdico, situacións que a ninguén son alleas e que nos fan sentir sós, abandonados ante a ermedade da existencia.

Sete rovellóns

Sete rovellóns son máis que ningún. Pura matemática. Tampouco se precisa un cesto cheo, é suficiente para unha tixola. Con nata e porto, gorentoso plato de sibarita.

12 outubro, 2006

Empanada de lesma

Parrillada de boletos ou empanada de lesma? Hai quen colle sete cestos mais tamén quen, unha e outra volta, regresa de baleiro.

Caza-sereas

A realidade, que o micho só come sereas, petou coa pericia do debuxante, que, incapaz de representar unha con xeito, tivo que contentarse con meter un peixiño na peceira.

09 outubro, 2006

Ulo Godot?

Todo chega, seica. E... será certo?

Cogumelos

Non sempre se consegue o que se quere nin se atopa o que se busca. Non sempre. Ás veces chegas tarde ou non es o primeiro en facelo. Desta vez foi o xabarín, que fozou baixo os piñeiros, e, cando chegamos, pouco quedaba por levar.

07 outubro, 2006

Insecto pao

Apareceu. Quen desacreditaba da existencia da mítica alimaña que gabeaba aos carballos nas churrascadas de San Mamede? Apareceu, si, nos primeiros días de outubro ás portas do mosteiro de Toxosoutos... ( A foto é, por suposto, pirateada da arañeira. A autentica, a do verdeiro insecto pao, colgareina cando Tichu ma faga chegar)

03 outubro, 2006

Cara ao inferno

Dous chanzos cara ao inferno, escribeulle un de Camboño a un de Noia. Dous, e algún máis tamén. Grazas, meu.