Oxalá estiveras aquí. Falariamos unha outra volta do que é pobo, proletariado, clase obreira. Quizais tamén de revolución e loita armada. Gostaría de escoitarte, desta vez seguramente levarías razón.
O que lin non era, coido, unha novela, tampouco un relato longo. Parecíase, na miña ignorante opinión, a un ensaio inxertado cun diario. Quizais fose un relato infantil coa linguaxe xuvenil dun rapaz revello. Apostaría máis por un longo poema en prosa. Tampouco estou seguro. É igual. Foi unha boa forma de comezar o ano.